sábado, 27 de agosto de 2011

Manuel Antonio

Manuel Antonio , naceu no seo dunha familia conservadora. Aos dous anos foi a vivir a Padrón por causa da tuberculose que padecía o seu pai, e da que morrería cando Manuel Antonio só tiña catro anos. Viviu primeiro na casa da avoa materna e despois cun tío que exercía, naquel momento, como chantre da parroquia de Iria Flavia.
Os primeiros ensinos recibiunas neste ambiente dominado polo conservadurismo e a relixiosidade, contra o que xa desde ben pronto mostraría a súa rebeldía. Con só once anos escribiulle unha carta á súa nai na que lle comunicaba a decisión de non seguir a carreira eclesiástica, e matriculouse en 1913 nun instituto de Santiago de Compostela para estudar o bacharelato. Alí viviu a partir do 1914 durante os meses que duraba o curso escolar. Santiago quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comeza, xunto algúns compañeiros, a militancia no galeguismo e no republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste, un rapaz da súa idade co que compartiu o interese pola literatura e o nacionalismo, e co seu curmán Roxelio, que o animou a participar na vida literaria e política desde pequeno.
Como mostra nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Con todo, as cuestións políticas e literarias atraíanlle cada vez máis, adoptando sempre unha actitude radical e rebelde que se opuña frontalmente ao ambiente no que pasou a infancia. A súa primeira rebeldía é contra o conservadurismo carlista e, por extensión, a germanofilia. Cando en 1918, durante a Primeira Guerra Mundial, os alemáns atacaron barcos franceses, Manuel Antonio e o seu curmán Roxelio pedíronlle ao cónsul francés na Coruña que os alistase na Lexión Estranxeira. Ante da imposibilidade de facelo no consulado, decidiu ir el mesmo a Francia, pero o detiveron na fronteira e pasou uns días no cárcere. Posteriormente intentou, tamén sen éxito, participar na Revolución Rusa de outubro. Tamén no ano 1918, con só dezasete anos, enviou os seus primeiros poemas a revistas e periódicos, e chegou a manter unha polémica co director da revista Suevia sobre a calidade das súas composicións.
Aos poucos comezou a concienciarse na loita anticaciquil que ían estendendo os movementos agraristas e fixo dos seus poemas un arma de loita, ata en contra da ideoloxía da súa familia, por iso algunha vez solicitaba que ao pé do poema só constasen as súas iniciais. En 1919 envía un soneto á Redención, «Ou sol d'a libertade». O seu director rexeitouno porque os versos empregados non eran endecasílabos, como marcaban os canons clásicos. Con todo aconselloulle que seguise escribindo textos en prosa (sic) de contido civil e animouno no seu interese polo movemento agrarista. A partir deste momento as súas preocupacións centráronse na loita anticaciquil, no nacionalismo e na súa produción literaria, que, excepto algúns poucos poemas iniciáticos, está escrita integramente en galego.
En 1919, Rafael Dieste e Manuel Antonio escribíronlle a Castelao para que actuase como intermediario entre eles e Vicente Risco, recoñecido como o guía teórico dos membros do grupo Nós e máis daqueles mozos con inquietudess nacionalistas e literarias, pois era, sen dúbida ningunha, a persoa máis informada das novidades artísticas que aparecían en Europa. Foi tamén Risco quen introduciu a Manuel Antonio nos movementos de vangarda en Europa e en España. Pero Vicente Risco, pouco convencido do interese destas correntes para a literatura galega, a pesar de escribir o primeiro poema futurista en devandita lingua en 1920, recomendoulle a Manuel Antonio que reparase nalgúns aspectos que eran, ao seu ver, importantes para a nova literatura galega como o folclore (aspecto sobre o que Manuel Antonio había de manter máis tarde longas discusións epistolares con Castelao, intentando ver cal sería o xeito máis sinxelo de incluír os elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo), o saudosismo portugués (este sentimento tiña como máximo representante a Teixeira de Pascoaes, autor moi relacionado cos intelectuais e cos artistas de vangarda galegos, entre eles, Álvaro Cebreiro), os haiku xaponeses (composicións de tres versos nas que se capta o instante e que intentan provocar emocións no lector por medio da yuxtaposición de imaxes) e, sobre todo, recomendoulle a procura dun estilo propio, sinxelo, non marcado por escolas literarias.
A súa formación literaria e política procedía, ademais das informacións dos mestres, dun amplo abanico de lecturas. Recibía case todas as publicacións literarias e galeguistas do momento (A Nosa Terra, Nós, Céltiga, A Centuria, Alfar... ) e intercambia consellos e libros cos seus amigos, combinando os clásicos cos autores máis modernos. Esencial na súa formación teórica -e na concepción do único poemario que publicou en vida, De catro a catro- foi a lectura da obra de Jean Epstein A poésie de aujourd´hui un nouvel état d´intelligence (1921), que traduciu ao galego. A supresión da secuencia espazo-temporal como fórmula para "ir máis aló" na auténtica percepción da realidade, sen padecer a distorsión da mesma que obedece ao engano dos sentidos,e que está presente nos versos máis decididamente vangardistas do poeta, procede das reflexións que levou a cabo a partir da lectura de Epstein. Igualmente vén sinalando a importancia doutros autores e títulos, tal é o caso de Huidobro, Guillermo de Torre, P. Reverdy... No entanto, é preciso indicar que o vanguardismo de Manuel Antonio manifesta sempre un selo persoal inconfundible á vez que único na literatura galega. En 1919, seguindo os consellos do seu curmán Roxelio, comezou os seus estudos de náutica en Vigo, unha cidade que describe paródicamente ("Eu en Vigo estou nun deserto: un deserto poboado de pantallas cinematográficas") e na que non sente cómodo. Con todo, foi aquí onde tivo a ocasión de participar na II Asemblea Nacionalista (celebrada en 1921) e de coñecer persoalmente aos membros máis destacados do galeguismo, entre eles, Risco, co que mantivera só trato epistolar. Dela saíu un Manuel Antonio fortemente convencido polo ideario nacionalista e moi combativo, o que lle provocou discusións cos seus amigos de infancia (Roxelio e Rafael Dieste) por non adoptar un compromiso tan radical como o seu co galeguismo.
Comezou a cartearse con Victoriano Taibo, esteticamente continuador da liña tradicional de Cabanillas, pero que soubo recoñecer e admirar o facer poético de Manuel Antonio e a súa novidade, como demostra unha carta na que lle pide información sobre a poesía moderna. A partir de 1921 comezou unha intensa actividade literaria. Colaborou en revistas (entre elas Alfar, da Coruña, na que participan importantes vangardistas da literatura española) e periódicos, e ata formou parte do consello de redacción dunha delas, Ronsel, de Lugo. En 1922 publicou, xunto o debutante Álvaro Cebreiro, o manifesto «¡Máis alá!», que eles mesmos se encargaron de divulgar por Galicia e o estranxeiro. Este manifesto, o único que aparece na literatura galega da época, foi un auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, como o que se daba entón nas Irmandades dá Fala, que viu nel un ataque político concibido por Antón Villar Ponche, pero non desatou unha polémica da intensidade que esperaban os autores.
En 1923 terminou os estudos de náutica e matriculouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, levado pola atracción que sobre el exerceu sempre Compostela, pero nunca chegaría a conseguir a licenciatura.
Á espera de facer as prácticas de piloto náutico, regresa a Rianxo, onde seguía a actualidade literaria a través da prensa (lía case todas as revistas publicadas en Galicia e algunhas estranxeiras) e do intercambio de lecturas cos seus amigos, pois non formou parte activa dos faladoiros literarios, máis propias da cidade que dunha vila pescadora como Rianxo, onde non tiña xa con quen compartir as inquietudes artísticas (dille a Dieste nunha carta que Rianxo pode disputarlle a Roma o nome de Cidade Eterna). A soidade vital foise acentuando cada vez máis. Xa non enviaba tan a miúdo poemas á prensa e a súa produción literaria foise construíndo con máis tranquilidade, máis coidada e persoal. Intensificouse o individualismo na súa obra e na súa vida, e cultivaba a súa particular imaxe externa, afastada dos convencionalismos burgueses, máis próxima ao pescador que ao literato de cenáculo.
Entre 1926 e 1927 realizou as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do paquebote Constantino Candeira, do que era capitán Augusto Lustres Rivas, a quen lle dedica «De catro a catro», o poemario concibido durante as súas travesías nese barco. Na publicación do libro participaron Dieste, xestionando as cuestións editoriais, e Maside, que o ilustraría.
En 1928 e 1929 fixo tres viaxes a América a bordo do buque holandés Gelria e en 1929 desembarcou en Cádiz debido ao agravamento da tuberculose que padecía, e da que só sabían uns poucos amigos. O 28 de xaneiro de 1930 faleceu na aldea de Asados (Rianxo).

Obra máis importante : Montañesas , Do Ermo

1 comentarios:

Muy interesante y muy trabajado!!

Publicar un comentario